CRTVG

Buscar

Siemens e Navantia rectifican e instalarán o seu centro naval en Ferrol

Publicado o 21/11/2019 22:06
Siemens e Navantia rectifican e instalarán o seu centro naval en Ferrol

O Centro de Excelencia do Sector Naval (CESENA) que as empresas Navantia e Siemens tiñan previsto instalar en Santiago de Compostela finalmente situarase na cidade de Ferrol.

Así o confirmaron fontes de Navantia, que trasladaron que esta decisión "foi tomada de mutuo acordo por parte das dúas empresas", tanto pola compañía naval pública como pola tecnolóxica alemá. 

O CESENA é unha infraestrutura deseñada para dar apoio ao proxecto construtivo das futuras fragatas F-110 para a Armada Española, que está previsto acometer nos estaleiros da ría de Ferrol a partir do ano 2022, aínda que a fase de deseño xa se iniciou e este centro servirá para desenvolver o "xemelgo virtual" destas unidades.

Navantia convocara un concurso público para escoller unha empresa tecnolóxica para este desenvolvemento, en que Siemens foi finalmente a seleccionada, presentando a multinacional xermana como unha das mellores opcións a instalación en Santiago de Compostela deste centro de excelencia, aproveitando unhas instalacións coas que conta na capital de Galicia.

Pero unha vez feita pública esta decisión, na cidade de Ferrol comezaron a levantarse voces en contra, primeiro desde o ámbito sindical, para a continuación facelo por parte da clase política, por unanimidade de todos os partidos e gobernantes, así como desde o ámbito empresarial. Incluso o Concello de Ferrol aprobara na tarde deste xoves unha declaración institucional con esta petición.