CRTVG

Buscar

Setién: "A min gustaríame ser campión xogando"

Publicado o 15/04/2020 20:53

No camiño cara eses títulos, o Barça parte con vantaxe na liga onde é líder, dous puntos por riba do Madrid. Pero Setién quere completar a competición para se sentir gañador: "O que a min me gustaría sen dúbida é xogar, e quedar campión xogando. Eu non me vou sentir campión aínda que teña dous puntos máis que cando cheguei, que estabamos igualados co Madrid". Pero falta aínda un longo camiño para ver os equipos xogando de novo sinala o técnico do Barça: "A realidade é que se leva mal, que a incerteza é o peor e a realidade é e que ningué nos pode clarexar, seguramente nin as autoridades sanitarias poden dicir con claridade exactamente o que se vai poder e o que non se vai poder facer".

O Barça é noticia nos últimos días pola crise institucional que atravesa, con seis directivos dimitidos e acusacións de meter a man na caixa. Unha situación desagradable, recoñece Setién: "É verdade que o ideal sería traballar quizais nun ambiente máis positivo e mellor pero xa estamos afeitos, isto é o habitual".

Un desencontro máis nunha temporada inzada deles. Un ano no que Messi tivo que saír en máis dunha ocasión a se enfrontar coa directiva: "Eu non creo que estas cousas lle poidan influír a Messi para tomar unha decisión de se marcha ou queda", confía o técnico culé.

Ese é o meirande medo do barcelonismo.

Noticias web

15/04/2020