CRTVG

Buscar

Inundacións en Centroeuropa: 125 mortos e máis de mil desaparecidos

Publicado o 16/07/2021 09:30

Máis de 125 persoas falecidas, 165.000 sen electricidade nas vivendas e 1.300 que non puideron ser localizadas. Son as terribles cifras logo dunha noite en que o rebordamento dos ríos Ruhr, Mosela e Rin volveu causar estragos no leste de Bélxica e nos estados alemáns de Renania do Norte-Westfalia e Renania-Palatinado. As inundacións afectaron tamén zonas de Francia, Luxemburgo e Países Baixos.

Só en Alemaña hai máis de 15.000 persoas traballando en labores de rescate e salvamento, incluidos 900 soldados que tiveron que ser mobilizados de urxencia.

 "É aterrador", di unha muller da localidade de Escheweiller. "Está todo anegado, teño o soto cheo de auga, ocorreu nunha hora, todo inundado", di outro veciño da mesma vila.

En Colonia morreron un home e unha muller afogados nos seus propios sotos, e non foron os únicos. A outra rexión alemá gravemente afectada foi Renania Palatinado, onde as autoridades din que é a maior catástrofe dende a Segunda Guerra Mundial. Nun municipio atravesado por un afluente do Rhin que se desbordou contabilizaron 18 falecidos, entre eles os residentes de seis casas que o río levou por diante.

Entre os desaparecidos hai veciños que subiran ao tellado das súas vivendas, algo que fixeron moitos cidadáns á espera de que os rescatasen. Outras dúas vítimas mortais son bombeiros que participaban neses labores. Evacuación, desaloxos, intervencións do exército... un desastre natural histórico que colleu a chanceler alemá nos Estados Unidos. "O meu corazón está cos que perderon seres queridos ou aínda están preocupados polo que lles puido pasar ás persoas aínda desaparecidas", dixo Angela Merkel, que ampliou as súas condolencias aos países veciños de Bélxica, Luxemburgo e Países Baixos, tamén afectados.

Aínda que hoxe a chuvia deu un respiro, colapsaron totalmente as liñas de telefonía móbil, o que dificulta a localización dos desaparecidos. Ademais, a auga levou por diante boa parte do tendido eléctrico xunto con vías férreas e estradas. Un problema engadido é que os anegamentos deixaron moitas localidades sen auga potable o que pode provocar problemas de salubridade.

Catástrofe, din tamén en Bélxica, con once falecidos confirmados. As autoridades ordenaron o desaloxo urxente de Liexa, onde a última vez que o río se botara por fóra do seu leito fora en 1926. Moi preto de aquí está a cidade holandesa de Maastrich, onde ordenaron a evacuación de dez mil persoas. Aínda hai xente en perigo, advirten as autoridades. Centos de efectivos de emerxencias traballan para minimizar os danos das peores inundacións vividas na área do Benelux dende hai ún século.

Noticias web

16/07/2021