CRTVG

Buscar

Sete partidos solicitan a devolución do proxecto de presupostos

Publicado o 11/11/2020 20:38

PP, VOX, o BNG e outros catro grupos piden rexeitar o proxecto de orzamentos do Goberno. Para os populares, son un dispendio que acabará obrigando a recortes futuros. Pablo Casado, presidente do PP, cre que "preferiron o clientelismo demagóxico e o electoralismo á custa dos nosos netos, que pagarán a débeda".

O Bloque lamentan o aumento do gasto militar e na Casa Real e a caída do investimento en Galicia. Néstor Rego dixo que "en relación co investimento territorializado, estes presupostos son claramente negativos e discriminatorios con Galicia".

O Goberno tacha de irresponsabilidade que se pida a devolución das contas no contexto actual. María Jesús Montero, ministra de Facenda, asegurou que "a oposición á súa tramitación demostra unha preocupante incapacidade para entender o momento tan excepcional que vive o noso país".

Sobre o debate planeou o apoio ás contas que horas antes fixo explícito o líder de Bildu. Arnaldo Otegi confirmou que "a día de hoxe, Euskal Herria Bildu está en disposición de votar favorablemente eses presupostos".

Para Pablo Iglesias, vicepresidente segundo do Goberno, "é unha boa noticia que chegue o primeiro si aos presupostos xerais do Estado". Edmundo Bal, de Ciudadanos, cre que "se pon de manifesto e enriba da mesa que hai dúas vías e que o señor Sánchez terá que elixir entre esas dúas vías". Iván Espinosa de los Monteros, voceiro de VOX, sostén que "que vostedes estean en alianza con Bildu é o tipo de cousas que xean o sangue dos socialistas de ben, dos populares de ben e dos españois de ben, que sempre estiveron en contra do terrorismo".

O debate de totalidade continúa este xoves coa previsión de que todas as emendas saian derrotadas.

Noticias web

11/11/2020