CRTVG

Buscar

Trece mortos e 46 novos contaxios en Galicia, que supera os 6.000 afectados

Publicado o 15/04/2020 13:29

• O maior foco de contaxios e o maior número de decesos está nas residencias

• A cifra de altas volve superar á de novos casos

Trece mortos e 46 novos contaxios en Galicia, que supera os 6.000 afectados

Os 13 falecementos rexistrados nas últimas 24 horas en Galicia e os 46 novos contaxios confirman o retardo da pandemia na comunidade que, con todo, supera xa os 6.000 casos e contabiliza 397 mortos, segundo os datos oficiais da Xunta.

A Consellería de Sanidade reporta 13 novos falecementos. Os últimos seis rexistrados nos hospitais son dous varóns de 66 e 76 anos e unha muller de 88 ingresados no CHUAC; un varón de 75 ingresado no CHUO; un varón de 82 ingresado en Povisa e unha muller de 82 ingresada no CHUS. Todos eles presentaban patoloxías previas.

Ademais, no anterior parte do Sergas, desta mesma mañá, o Sergas certíficaba outros sete decesos. Deles seis eran usuarios de residencias xeriátricas.

O número total de contaxios é de 6.019, 46 máis que os rexistrados onte. Deles, 1.280 son da área da Coruña, 1.193 da de Ourense, 1.085 da área de Vigo, 1.029 da de Santiago, 589 da de Lugo, 505 da de Pontevedra e 338 da de Ferrol.

En canto á situación dos pacientes positivos, continúa a lenta redución dos que permanecen en unidades de coidados intensivos. Hai na actualidade 128 persoas en UCI, cinco menos ca onte. Pola contra, aumentou a cifra de enfermos ingresados en planta, ao pasar de 733 a 746. A inmensa maioría dos contaxiados, 5.145, están no seu domicilio.

Entre onte e hoxe déronse 58 altas en Galicia, o que sitúa a cifra de persoas recuperadas en 1.298.

Continúa a realización de probas PCR a un ritmo dunhas 2.000 diarias, cunha cifra acumulada de 50.396.

A Consellería de Política Social informa de que hai 15 novos contaxios entre os maiores das residencias, co que a cifra de afectaods nos xeriátricos chega a 833 usuarios. Entre o persoal destes centros infórmase dun novo caso que sitúa a cifra en 343 traballadores.

No que se refire aos centros para persoas con discapacidade, hai tres novos contaxios entre os usuarios, 99 en total, e ningún novo entre os traballadores, que a última hora da noite de onte eran 76.