CRTVG

Buscar

Sete incendios forestais continúan activos na provincia de Ourense

Publicado o 13/10/2017 08:57

Aquí en Galicia, numerosos efectivos traballan para extinguir os sete incendios forestais que continúan activos na provincia de Ourense. Segundo o último parte informativo da consellería de Medio Rural, na provincia de Lugo seguen activos dous incendios. Un en Chantada e outro en Folgoso do Courel, este xa perimetrado. 

Son as últimas imaxes do incendio declarado no concello de Melón, que á tardiña de onte se achegou a algunhas casas. Como as lapas se achegaron á autovía A-52, obrigou á Dirección xeral de Tráfico a activar o nivel amarelo de alerta por visibilidade reducida por mor do fume e o pó.

No concello de Lobios chegaron a declararse tres incendios. Nas últimas horas quedaba baixo control o lume que lle afecta á parroquia de Río Caldo, que arrasou 650 hectáreas dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. 

Pasadas as dez da noite, quedaba extinguido o incendio da parroquia de Lobás, no concello do Carballiño. Afectou preto de trinta hectáreas, a maior parte arborizado. 

En Vilariño de Conso está extinguido o lume de Fitoiro e segue activo o de Chaguazoso, que polo menos afecta 300 hectáreas. 

En Chandrexa de Queixa quedou estabilizado o incendio de Requeixo e tamén quedou controlado o de Vilar de Barrio, en Rebordechau.

"Estamos a falar non só dunha actividade delitiva, senón tamén homicida. Unha persoa que nestas condicións prende lume de lado das casa é un homicida", di o director xeral de Montes.

No que vai de mes houbo en Galicia 235 incendios, máis da metade en Ourense. A Xunta anunciou que intensificará a loita policial para facerlle fronte á actividade incendiaria.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/10/2017