CRTVG

Buscar

Oito intoxicados por fume, entre eles un bombeiro, por causa dun incendio en Portonovo

Publicado o 23/02/2020 14:42

 

O lume comezou arredor das oito da mañá no dormitorio principal deste piso, no terceiro andar do número 11 da rúa Porvir, en Portonovo. A muller que estaba no interior do piso alugado viu as lapas, segundo conta, ao saír da ducha. Pediu axuda e deu saído polo seu propio pé do edificio, sen respirar fume e sen queimaduras.

Foi o dono, o propietario de todo o edificio, que vive no segundo, e mais outro veciño os que chamaron primeiro a emerxencias e despois porta por porta o resto de veciños do edifico, por medo a que algún estivese durmido.

Os bombeiros de Sanxenxo chegaron a este dedifico próximo á praia de Caneliñas en quince minutos e foron apoiados por outras dúas dotacións, a de Pontevedra e a do Salnés. Tardaron en sufocar as lapas e frear o fume case tres horas. O edificio, construído en 1996, ten cinco plantas e un faiado.

Os seis veciños que tiveron que ser traslados ao hospital pontevedrés de Montecelo afectados por inhalación de fume vivían por riba do terceiro, o andar onde se orixinou o lume.

Os dous veciños do cuarto e os tres do quinto saíron sen dificultade pero xa afectados polo fume. Permaneceron no seu piso do último andar, o do rocho, un home e unha muller. Segundo os bombeiros, con bo criterio, ata que foron axudados cunha escada exterior polos profesionais. Todos eles, seis veciños, e un bombeiro, foron traladados ao hospital. As causas do lume están sendo investigadas.