CRTVG

Buscar

Desartellaba unha banda que roubaba ameazando cunha pistola compradores de coches de alta gama

Publicado o 27/02/2020 20:19

• Hai once detidos

Polo momento son xa once as persoas detidas tras os rexistros durante o día de hoxe nunha decena de inmobles de Ourense, Sarria e Monforte. En Ourense as inspeccións comezaron ás cinco da madrugada, aquí nas Burgas, na zona da Granxa e en Rabo de Galo. Pola tarde, os rexistros continuaban en vivendas de Monforte. Esta banda organizada é a presunta autora, entre outros, dos roubos violentos a persoas coas que quedaban en lugares apartados para, supostamente, entregarlles un coche de alta gama do que previamente pactaran a súa venda por Internet. Non entregaban o coche e roubaban os cartos que as vítimas levaban para pagalo. En cinco asaltos con este modus operandi fuxiron cuns 100.000 euros.

As investigacións comezaron en setembro cando as persoas hoxe detidas deron presuntamente o seu primeiro golpe. Dous homes acudiran a Sarria para que lles entregasen un coche de luxo que mercaran por Internet a un particular. Levaban os cartos en efectivos para pagalo, 18.000 euros, como lles pediron. Cando chegaron, os falsos vendedores apuntáronos cunha pistola, ameazáronos e bateron neles para fuxir cos cartos. Asaltos semellantes aconteceron despois en Monforte, León e Coles. Neste último os delicuentes fuxiron con 26.000 euros e deixaron feridas as vítimas.

Hoxe a Garda Civil de Ourense, a de Lugo e a Policía Nacional de Monforte conseguían deter once persoas relacionadas con estes feitos, despregaron un amplo dispositivo e en coches camuflados e armados entraron en varios domicilios de Ourense, onde supostamente vivían.

A presunta banda criminal está integrada por persoas de Galicia, Romanía e Colombia e na investigación constataron tamén a súa participación noutros delitos de estafa e apropiación indebida e o carácter violento deles, que non dubidaban en usar armas e agredir as vítimas para roubalas. Nos cinco roubos a través de falsas vendas de coches de alta gama conseguiron uns 100.000 euros.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/02/2020