CRTVG

Buscar

Sete coches afectados no asolagamento dun garaxe en Santiago de Compostela

Publicado o 05/11/2018 14:24

Os propietarios de sete coches non poden utilizalos despois de que se asolagase o asolagamento do garaxe en que estaban aparcados. Foi en Santiago. A causa da inundación foi a rotura dunha tubaxe do abastecemento público.

A tubaxe da auga rebentou onte á maña, por terceira vez no último mes, segundo os veciños da rúa compostelá de Salgueiriños de Abaixo. Os técnicos sinalan como causa que é unha instalación moi vella, de fibrocemento. Desta vez a fuga de auga acabou nun garaxe no que había seis coches aparcados.

A inundación alcanzou case un metro de altura e deixou os coches estragados e inutilizados, polo menos, momentaneamente, como conta Jose, un dos propietarios.

"Chamei para que veñan retirar o meu coche e o leven ao taller. Agora, a ver que facemos coa empresa concesionaria do servizo de auga. Nesta rúa sempre estan parcheando nas tubaxes, para enriba, para embaixo... sempre igual".

Outra damnificada, María Luísa, amósase moi enfadada porque cada pouco rebenta a canalización e agora non pode utilizar o coche.

"Non se pode acender. Chegou a auga ata o volante. Onte estiveron aquí bombeiros, Policía Local e os da empresa da auga. Esta rúa está sempre con avarías de auga e estamos sempre empantanados".

Esta mañá empezaron a retirar os coches do garaxe remolcándoos.
No treito da tubaxe vella hai dous negocios con gran dependencia da auga corrente. O dono do bar, Diego, fala do que teñen que aguantar debido a unha instalación que precisa renovación total.

"É un tramo duns cen metros coa tubaxe moi vella. Rompe cada pouco; no último mes van tres incidencias. Quedamos sen auga e mentres duran os traballos de reparación a nosa actividade queda restrinxida; no salón de peiteados xa non poden traballar sen auga, claro, e eu non podo atender parte do servizo".

Segundo os afectados, tamén onte tivo que vir unha máquina paleadora para retirar toda a terra que arrastrou a auga ata o garaxe.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/11/2018