CRTVG

Buscar

Feijóo culpa o Goberno central do afogo económico dos concellos e da suba da luz

Publicado o 23/06/2021 15:04

O financiamento dos concellos e a factura da luz foron os asuntos que monopolizaron a sesión de control ao Goberno no Parlamento de Galicia.

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, acusou o presidente da Xunta de "asfixiar" economicamente os municipios, malia asumir cada vez máis competencias, e de facer un repartimento de fondos "discrecional".  

Alberto Núñez Feijóo defendeuse acusando o Goberno central de infrafinanciar Galicia durante a pandemia. Segundo dixo, "sempre está entre as tres comunidades que menos recibe de todas as conferencias sectoriais e de todos os ministerios". 

Pola súa banda, a voceira nacional do BNG censurou que a cidadanía galega teña que pagar prezos tan elevados pola luz sendo produtora de enerxía. Ana Pontón reclamou unha tarifa eléctrica propia por ter que cargar "cos custos ambietnais e sociais" nun país cheo de encoros e aeroxeradores.

O presidente da Xunta lembroulle que o seu partido no pasado apoiou o déficit tarifario de Zapatero e agora as subas de impostos de Pedro Sánchez. Ademais, puxo en dúbida o compromiso do BNG coa rebaixa da factura eléctrica tras absterse no Congreso na votación dunha proposta do PP neste sentido.

Segundo lembrou Feijóo, pretendían suprimir o gravame do imposto sobre a produción e traspasar aos Orzamentos Xerais do Estado custos regulados da tarifa eléctrica, coa fin de abaratar o prezo da luz.

 

 

Noticias web

23/06/2021