CRTVG

Buscar

Sesenta empresas galegas presentan as súas innovacións na Seafood de Bruxelas

Publicado o 07/05/2019 15:34

Aumenta a presenza de empresas galegas presentes na que é a feira de produtos do mar máis importante do mundo. Setenta empresas de Galicia, 20 máis ca o ano pasado, ofrecen os seus produtos na Seafood de Bruxelas. 

O expositor institucional de España, un pavillón de 224 metros cadrados, acolle 21 empresas nacionais, mentres que na área española atópanse os pavillóns autonómicos de Galicia, Andalucía, País Vasco, Asturias, Cataluña e Canarias, que contan en total cunhas cen firmas.

No pavillón español están tamén a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco- Cecopesca), a Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar), a Asociación Empresarial de Produtores de Cultivos Mariños de España ( Apromar) ou a Agrupación Nacional de Compradores de Produtos Pesqueiros en Portos (Acopes).

A conselleira do Mar de Galicia, Rosa Quintana, explicou en declaracións á prensa que 70 empresas galegas, 20 máis que en 2018, desprazáronse a Bruxelas para participar nun evento que considerou "unha oportunidade única" para o sector.

"Este ano está a ser bo para estas empresas", dixo a conselleira, que considerou que ademais de servir de escaparate, a feira permite saber "que se está facendo noutros países". Tamén sinalou que o segredo de Galicia está "na tradición, no saber facer da materia prima de excelente calidade", á que se suma a innovación. 

España exhibe esta semana en Bruxelas na Seafood Expo Global, a maior feira mundial do peixe, o liderado do seu sector, "punteiro" na Unión Europea (UE) pola súa dimensión e os seus esforzos pola sustentabilidade, dixo este martes a Efe a secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz.

A secretaria xeral de Pesca lembrou que España "é o primeiro país en pesca extractiva e de conservas de peixe" da UE e opinou que o principal "valor engadido" do seu sector pesqueiro é a aposta por facer unha pesca sustentable.

Villauriz asistiu á Seafood coincidindo co primeiro día da feira, que celebra a súa 27 edición e á que asisten 181 empresas españolas, das preto de 2.000 que participan este ano. Indicou que o lema "Pescado rico, san e seguro", elixido para o pavillón español, que acolle 21 empresas e asociacións, fai énfase neses tres aspectos, xa que "lamentablemente, vimos que houbo un lixeiro descenso no consumo do peixe comparado con anos anteriores". 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/05/2019