CRTVG

Buscar

Bos días

Sentenza histórica na Arxentina por crimes cometidos durante a última ditadura militar do país austral

Publicado o 30/11/2017 09:23

Sentenza histórica na Arxentina por crimes cometidos durante a última ditadura militar do país austral.

A xustiza arxentina condenou a cadea perpetua 29 represores por delitos de lesa humanidade cometidos no maior centro de detención e tortura clandestino do proceso, a ESMA.
Entre os sentenciados a perpetua están o Tigre Acosta, o ex-militar que decidía como se torturaba ou mataba, e o ex-xefe de intelixencia Alfredo Astiz, coñecido como 'O anxo da morte'.

A Arxentina pon fin despois de cinco anos á coñecida como megacausa ESMA, considerado o maior proceso celebrado ata o momento pola Xustiza arxentina, por delitos cometidos durante a última ditadura militar do país austral. E faino ademais con cadea perpetua para 29 dos 54 acusados polos crimes de lesa humanidade perpetrados no centro de detención e tortura clandestino máis importante do páis, a antiga Escola de Mecánica da Armada, ESMA, de onde saían os coñecidos 'voos da morte', avións militares que lanzaban os prisioneiros drogados ao mar.

Ás portas dos tribunais vítimas da represión, familiares e organismos de dereitos humanos recibían cada condena con aplausos.

A lectura do veredicto estendeuse durante horas e con ela pechábase unha causa masiva en que se analizaron case 800 secuestros, torturas e asasinatos.

Este era o terceiro xuízo vinculado ás atrocidades realizadas na ESMA, pero o primeiro no que se inclúen condenas aos responsables dos' voos da morte', un sistema de exterminio co que foron asasinados uns 4.000 detidos-desaparecidos.

Entre os sentenciados a cadena perpetua están algúns dos represores máis coñecidos da Arxentina, como Jorge 'Tigre' Acosta, ex-militar que decidía cómo se torturaba e mataba, ou o capitán Alfredo Astiz, alcumado 'o anxo negro', e que se infiltraba en grupos de dereitos humanos para delatalos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

30/11/2017