Sen novos positivos no gromo do Incio
Nos centros residenciais en Galicia habería este domingo 66 usuarios contaxiados e 18 traballadores, un máis ca onte debido a un positivo na residencia Domus VI de Lalín. O gromo máis importante segue a ser o da residencia do Incio, que non suma novos casos.
Non hai novos positivos nas últimas horas nin entre os usuarios nin entre os traballadores. As cifras serían as mesmas que as contabilizadas a última hora de onte, 56 usuarios contaxiados e 8 traballadores. Si que é certo que o último falecido en Galicia nas últimas 24 horas, e do que dá conta hoxe Sanidade no reconto oficial, foi un usuario desta residencia. Un home de 68 anos, con patoloxías previas, que estaba ingresado nun centro hospitalario. Nesta residencia, que foi intervida pola Xunta tras coñecerse a importancia do gromo.
A residencia do Incio é o foco onde se concentran máis casos de coronavirus na provincia de Lugo. Hai 56 residentes contaxiados e 8 traballadores. Non cambian as cifras, logo de que na última xornada se rexistrara a morte do terceiro usuario destas dependencias, que están intervidas pola Xunta a raíz do contaxio múltiple.
Son datos preocupantes porque no Incio durante o estado de alarma non se rexistrara ningún caso na residencia e hai un vencellamento importante co resto da poboación.
Tamén preocupa un gromo que hai en Lugo capital e que de momento xa deu trece positivos. Séguense buscando máis afectados porque todo apunta a que a orixe puido ser unha festa celebrada hai unha semana nun pub antes de que se regulasen os horarios do ocio nocturno.
Un dos afectados é un traballador dun negocio de comida rápida, que estaba de vacacións pero xuntouse con outros compañeiros. Para evitar contaxios, os empregados están en corentena e a empresa enviou outros traballadores a atender o local.
De momento, ningún dos casos positivos ten complicacións e están illados nas casas.
O rastrexo está sendo dificultoso porque algúns dos asistentes á festa que se supón é a orixe deste gromo están no país en situación irregular e son remisos a recoñecer que poden estar contaxiados.
Ademais, un salón de peiteados do centro de Lugo está pechado por dar positivo en covid-19 un dos responsables. Foi a propia afectada a que alertou da situación e avisou os clientes para que se sometan á proba.