CRTVG

Buscar

Sen noticias do gañador dos 14 millóns de euros da Primitiva de Vilagarcía

Publicado o 25/03/2019 14:42

En Vilagarcía non se sabe nada do afortunado ou afortunados que levaron un deses premios que quitan o sentido. Este premio da Primitiva do sábado pasa a ser pola súa contía o referente nos xogos de loterías na comarca do Salnés.

Na administración onde se validou o boleto, era a primeira mañá de apertura laboral tras o sorteo e entre o efecto do premio e que estamos a luns, a vendedora só parou para deixar constancia fotográfica do evento. Sobre a persoa posuidora do boleto, din que non hai noticias.

A envexada persoa tivo neste 23 de marzo o seu día. Ela foi a única apostante que entrou facer as súas apostas no instante en que a validadora elixía os números 3,8,20 25,30 e 38 para unha delas e como reintegro o cero. Pode que aínda non saiba da súa condición de millonaria, pero o máis probable é que acolla a nova discretamente.

O dono da administración de lotería número dous de Vilagarcía di que o normal é que a persoa afortunada non apareza pola administración.

Nunha situación así, é inevitable situar os case catorce millóns de euros deste premio no historial dos que leva esta administración durante décadas de vida.

Luis Abalo, dono da administración, di que é un premio máis. Lembra que a finais do século pasado repartiu mil millóns de pesetas en premios da lotería de Reis ao vender décimos de premios destacados.

En pesetas, esta Primitiva suporía preto dos dous mil millóns netos. Sobre quen é o destinatario din que pode ser calquera, mesmo alguén que estivo de paso en Vilagarcía este sábado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/03/2019