CRTVG

Buscar

Sen incidentes graves na sétima noite de protestas en Cataluña por Hasél

Publicado o 22/02/2021 21:22

Unhas 700 persoas manifestáronse esta noite en Barcelona en favor da liberdade do rapeiro Pablo Hasél, e no sétimo día consecutivo de convocatorias os incidentes foron menores.

No transcurso da manifestación en Barcelona, os mossos detiveron dúas persoas que tiñan requirimentos xudiciais pendentes, apenas arderon contedores e só nunha ocasión a policía disolveu os manifestantes coas súas furgonetas.

Na sétima xornada de protestas, a choiva fixo a súa aparición en Barcelona, o cal obrigou os primeiros grupos de persoas que acudiron ao Arco de Triunfo ás sete da tarde a se goreceren baixo este monumento.

Segundo datos da Garda Urbana de Barcelona, a marcha reuniu unhas 700 persoas convocadas polos CDR e a Plataforma Acabemos a Partida. Tras as habituais actuacións de rapeiros, os manifestantes comezaron a camiñar unha hora despois en dirección á Estación de Francia e desde alí percorreron o paseo Colón ata a Via Laietana, onde subiron cara á comisaría da Policía Nacional.

Os manifestantes detivéronse ante a comisaría e algúns comezaron a insultar os policías e a tirarlles obxectos, como botellas. Os Mossos d'Esquadra alertáronos de que se proseguían os lanzamentos deberían intervir. Finalmente, os manifestantes optaron por seguir a súa marcha, a cuxo paso collían bolsas de lixo e contedores e deixábanos no medio da calzada.

Algúns comezaron a queimar contedores no cruzamento da rúa Xirona coa rolda Sant Pere e, aínda que a choiva o fixo máis difícil, finalmente algúns comezaron a arder. En Gran Via con Xirona, os mossos utilizaron as súas furgonetas para dispersar os manifestantes, o que en argot policial se denomina "carrusel", ata que se formaron grupos reducidos.

Os mossos activaron axentes de mediación pero polo de agora non atoparon interlocutores para tentar organizar os actos de protesta, segundo aseguran na súa conta de Twitter.

Este luns, tamén houbo manifestacións en Xirona e en Tarragona; en ambos os casos, sen incidentes. Unhas duascentas persoas, segundo a Policía Local, manifestáronse en Xirona para protestar polo encarceramento do rapeiro Pablo Hasél sen que desta vez se producisen incidentes.

A concentración inicial tivo lugar na praza 1 d'Octubre, desde onde os participantes se desprazaron ata os xulgados. Alí, atopáronse coa liña policial que protexía o edificio. Posteriormente, a manifestación chegou á delegación da Generalitat en Xirona, onde se leu un manifesto con consignas que anuncian que a mobilización continuará nos próximos días, en favor dun "cambio real" e de apoio a Hasél coa frase "rapear non é un delito".

Un centenar de persoas manifestáronse polo centro de Tarragona para reclamar a liberdade do rapeiro nun acto que transcorreu sen incidentes e que finalizou coa queima de fotografías do rei emérito e de Filipe VI. "Os borbóns sodes uns ladróns. Liberdade Pablo Hasél" e "A solidariedade, a nosa mellor arma. Xuntas tombaremos o réxime" eran os lemas dalgunhas das pancartas que portaban os manifestantes. 

Noticias web

22/02/2021