CRTVG

Buscar

Sen control o incendio forestal que leva arrasadas 200 hectáreas en Rianxo

Publicado o 26/03/2019 08:47

Un virulento incendio mantén en alerta o concello de Rianxo. Aínda non está controlado. Van xa ardidas unhas 200 hectáreas de masa forestal, segundo Medio Rural. O forte vento do nordés está dificultando o control deste virulento incendio que se declaraba sobre as oito da tarde no alto de Bexo, na parroquia de San Xoán de Laíño, en Dodro, e foi avanzando cara ao concello de Rianxo.

"As noticias que temos nós é que se iniciou nunha liña de alta tensión que acababan de limpar e correu rápido. Porque o vento é difícil de predecir, está cambiante", explica o xefe da Policía Local de Rianxo. 

"Limparon hai un mes e o poste da luz debe ter un fallo, porque chispea. Esas chispas caeron no seco e co tempo que temos, iso é dinamita", conta o presidente da Comunidade de Montes de San Xoán de Laíño.

As lapas achegáronse ao longo da noite perigosamente á autovía do Barbanza, pero non chegou a cortarse. Si se cortou un tramo da estrada AC-305, entre Padrón e Rianxo, pero xa se abriu ás tres da mañá.

"O monte este ardeu en 2006. Houbo un incendio peor ca o de hoxe e rexenerou o eucalipto só. E querémolo limpar, pero non nos deixa Patrimonio porque hai un castro. E así está o monte".

O amplo dispositivo de extinción, formado por 7 axentes, 8 brigadas, 4 motobombas e unha pa, levan toda a noite loitando contra as lapas, que xa devoraron 200 hectáreas de masa forestal, e evitaron que o lume se achegase ás casas. Preocupaba especialmente a aldea de Somoza. Con todo, non chegou a declararse a situación dúas de emerxencia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/03/2019