Con xullo no horizonte, non hai avances nos descontos que se deberían aplicar na AP-9
Cun esquema de bonificacións definido e só pendentes de chegar a un acordo coa concesionaria, o ministro Xosé Luis Ábalos, aseguraba que este verán era a data fixada polo Goberno para facer efectivas as rebaixas na AP-9.
"Esperamos implantar estas bonificacións o mes de xullo", anunciaba o Ministro de Transportes, Xosé Luis Ábalos.
Pero, máis alá da discrepancia temporal entre xuño e xullo, un mes desppois non hai avances.
"É algo que nos preocupa, que non temos información oficial, pero agardamos e esperaremos ao mes de xullo, que foi o compromiso que se nos trasladou e que se implanten esas bonificacións que propuxemos dende a Xunta pensando neses usuarios recorrentes", manifestaba a conselleira de Infraestruturas , Ethel Vázquez.
Ábalos anunciou que todas as viaxes de volta pola AP-9 serían gratis se se fan no mesmo día e que habería un desconto do 20 % adicional para os conducores habituais que fagan 20 viaxes ao mes. Ademais, a peaxe entre Vigo e Redondela sería gratis e de Vigo-Tui reduciríase á metade.
Os transportistas mesmo temen quedar fóra deses descontos. Para os vehículos pesados non hai pensado ningún desconto fixo nin nada. O único que hai é unha obriga de ter que usala para ter un desconto mínimo.
"Seguimos na incerteza de que non hai ningunha proposta sobre a mesa", asegura o presidente de FETRAM Galicia.
En 2020, o ano do confinamento, realizarónse máis de 73 millóns de viaxes pola AP-9, a vía que vertebra Galicia de norte a sur e que soporta as peaxes máis caras de toda España.