CRTVG

Buscar

Sen aval xudicial para o certificado Covid, a hostalaría terá que reducir a ocupación

Publicado o 14/08/2021 20:14

• O TSXG denega a petición da Xunta que preparou medidas alternativas | Desde o martes pechan os interiores dos locais e haberá menos ocupación nos concellos con mais incidencia

 

É a primeira vez que o Tribunal Superior de xustiza de Galicia bota abaixo unha medida anticovid da Xunta. No comunicado, os maxistrados anuncian que non avalan a medida coa que o goberno galego pretendía controlar a expansiòn do virus: esixir a presentación do certificado de vacinación para acceder a bares, cafeterías, restaurantes e discotecas. Os argumentos da negativa, que segue a liña marcada polos xuíces en Andalucía, Cantabria e as Canarias, coñeceránse nos próximos días, coa publicación do contido íntegro do auto.

A norma estaba en vigor desde finais de xullo pero o xoves o Tribunal comunicou que non era válida porque a Xunta non pedira autorización. Asi que,o venres, Sanidade pediu ese aval e este sábado o alto tribunal denegouno.

O goberno xa advertira que, sen o visto e prace dos xuíces, as limitacións nas cabidas dos locais recuperarían as porcentaxes anteriores ao uso do certificado. O comité clínico terá a última palabra pero en principio o martes entrará en vigor o plan alternativo de sanidade.

Nos concellos cunha alta incidencia de casos, 54 en total, incluidas cidades como A Coruña, Vigo ou Lugo, pasarán do 50 por cento de ocupación en interiores, co certificado, a un 30 por cento, sen el. En pubs e discotecas o tope será tamén do 30 por cento no interior, nas localidades co nivel medio, xa que os lugares onde a incidencia é maior, estes locais están pechados.
E no caso do Grove, o único co máximo nivel de restricións, os interiores dos locais terán que volver pechar.

Noticias web

14/08/2021