CRTVG

Buscar

Semente Ribeira Sacra reparte 16.000 euros en premios para proxectos innovadores

Publicado o 26/12/2019 21:09

Promover a solidariedade e axudar a poñer en marcha iniciativas que dean pulo ao desenvolvemento da Ribeira Sacra. Esa é a finalidade do concurso de proxectos empresariais Semente Ribeira Sacra, que organiza a asociación homónima e que conta coa colaboración das tres universidades galegas e co patrocinio de diversas empresas, do Concello de Monforte e mais do IGAPE.

Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria: "Os territorios, as empresas, as universidades, todos, estamos traballando para atraer, captar e reter o talento, e iso é o que intenta facer precisamente a asociación. Identificar esas ideas, eses proxectos, ese talento, que pode dar unha resposta dende o punto de vista da dinamización económica."

O certame, que naceu ao abeiro da chuvia de millóns que supuxo para Monforte o primeiro premio íntegro do sorteo do Neno en 2014, trata de reverter na sociedade unha parte da sorte que recibiron os agraciados, aos que lles tocaran 120 millóns de euros. Nesta sexta edición, o primeiro premio está dotado con 8.000 euros, o segundo, con 5.000, e o terceiro, con 3.000.

Sara Fernández, presidenta de Semente Ribeira Sacra: "Todas aquelas persoas que teñan unha idea, que sexan emprendedores, pois axudarlles a que poidan levar a cabo esa iniciativa. Entón, este ano tamén temos uns premios importantes".

Este ano, ademais, colaboran, por primeira vez, no certame seis novos concellos do sur da provincia de Lugo e mailas deputacións de Lugo e de Ourense. Por esta razón, de Semente Monforte o concurso pasou a denominarse Semente Ribeira Sacra.

Noticias web

26/12/2019