Semana clave para a vacinación en Europa
Milleiros de contedores ultraconxeladores agardan por toda Europa o inicio da distribución da vacina de Pfizer. Tamén en España. O primeiro envío sairá da planta de produción de Bélxica. O proceso no noso país estará coordinado polo Ministerio de Sanidade e mais o de Interior.
Axentes da Policía e da Garda Civil protexerán os lugares de custodia da vacina. Algunha comunidade xa avanzou o seu plan de almacenaxe, un reto loxístico polas temperaturas tan baixas que precisa.
"Se perdemos a cadea de frío a vacina sería inefectiva. O que temos que consiguir é que a vacina sexa segura, eficaz e de calidade", din traballadores do sector da alamacenaxe farmacéutica.
Na Axencia Europea do Medicamento avaliarán hoxe os últimos datos que teñen sobre este produto de Pfizer e BioNTech. Se consegue o visto bo, a mediados desta semana a Comisión Europea podería outorgarlle a autorización de comercialización condicional.
Este tipo de licenza obrigará as farmacéuticas a vixiar de preto a campaña de vacinación para identificar calquera efecto non desexado.
O obxectivo é dar empezado a vacinar na Unión antes de que remate o 2021. Nesas está España, que traballa para comezar este domingo.
Un proceso en que xa están inmersos varios países do mundo, o último, Israel. Alí foi Benjamin Netanyahu o primeiro en vacinarse e hoxe será a quenda dos anciáns das residencias, os seus coidadores e os maiores de sesenta anos.
Levan a dianteira nos Estados Unidos, que principiaron a inmunización hai unha semana. Este domingo comezaron a distribución da súa segunda vacina, a de Moderna, que neste momento está tamén pendente de aprobarse en Europa.
A reunión da Axencia do Medicamento para avaliala está prevista para o seis de xaneiro. Outras farmacéuticas están ás portas neste proceso na Unión: a de AstraZeneca e mais a de Janssen.