CRTVG

Buscar

Barreras afronta unha semana que pode ser chave para o seu futuro

Publicado o 30/09/2019 08:38

A busca dun novo equipo xestor do estaleiro e o futuro da empresa pasa por unha reunión a tres bandas: empresa, Ritz-Carlton e Goberno galego.

A Xunta convocou este mércores a representantes de Ritz-Carlton, así como de Pymar, para coñecer cales son as intencións do consorcio estadounidense sobre o estaleiro Barreiras, no que constrúe un mini cruceiro de luxo e ten encargada unha segunda unidade.

A reunión celebrarase despois de que fosen destituídos o presidente do estaleiro vigués, José García Costas, así como o director xeral e o director financeiro, sen que polo momento fosen designadas as persoas que se farán coas rendas da compañía.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou en declaracións aos medios a convocatoria da devandita reunión, á que non asistirá ninguén en representación de Pemex, que segue sendo o accionista maioritario cun 51% dos títulos. "En principio, imos escoitar ao armador, cuxo encargo é potente, e a Pymar, que reúne a todos os estaleiros privados, con independencia de que logo se pode escoitar a máis xente", indicou Rueda.

"Necesitamos información, saber que pasa, e os que agora poden achegala son os convocados á reunión, para irnos facendo unha composición de lugar", engadiu. O vicepresidente da Xunta admitiu que están "preocupados" pola situación de Barreiras, un estaleiro que considera "moi importante non só en Galicia e España, senón case en Europa" e que conta con "unha carga de traballo importante" e xera moitos postos de traballo directos e indirectos.

Garantiu que a Xunta está en disposición de "axudar a calquera solución que sexa viable e garanta o futuro", e que tamén teña en conta que a administración galega "manexa recursos públicos". Cre que é o armador do mini cruceiro de luxo que arrastra varios meses de atraso na entrega e un sobrecusto de máis de 50 millóns de euros "o que ten que dar a información".

"Quen ten que contar o que haxa que contar son eles. A Xunta escoitará e decidirá a súa actuación", reiterou. Polo demais, expresou o "respecto" da administración galega por "todas as operacións" que a nivel interno houbo no estaleiro.

A débeda de 40 millóns de euros á armadora Ávila é outro dos puntos que tratar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/09/2019