Seis persoas da mesma familia, novo gromo de covid-19 en Laza
Un caso importado, nun home de 54 anos, desencadeaba un novo gromo neste concello ourensán de Laza. Esta mañá confirmábanse outros cinco positivos, todos relacionados con esa persoa, membros da súa familia. Son dous homes de 84 e 59 anos, dúas mulleres de 80 e 53 e unha moza de 17. Aquí a noticia levantou preocupación entre os veciños da zona. Esta mesma tarde vimos unha empresa realizando traballos de desinfección en locais de acceso público, preocupados polo risco de contaxio.
Non é o único caso das últimas horas na provincia de Ourense. O caso que se detectara esta semana en San Cibrao das Viñas e que afectaba dúas traballadoras dunha empresa deste concello, incrementouse hoxe con 10 novos positivos que non están adscritos a ningún concello en concreto porque residen en lugares diferentes, pero todos están conectados entre si. Son dez casos novos, cinco deles menores de idade: tres adolescentes e dous nenos. Todos, os de Laza e os de San Cibrao, están en illamento domiciliario.