CRTVG

Buscar

Seis mortos, entre eles un menor, nun tiroteo no suroeste de Inglaterra

Publicado o 13/08/2021 09:09
Seis mortos, entre eles un menor, nun tiroteo no suroeste de Inglaterra
EFE

Seis persoas morreron a pasada noite nun tiroteo en Plymouth, no suroeste de Inglaterra, segundo informou este venres a Policía de Devon e Cornualles, que descartou que o incidente estea relacionado con actividades terroristas.

Tres mulleres, dous homes e o presunto autor dos disparos morreron no suceso, ocorrido na zona residencial de Keyham de Plymouth, segundo engadiron as forzas da orde. Segundo os medios locais, entre os falecidos hai un neno de menos de 10 anos de idade, mentres que outras persoas foron hospitalizadas tras o incidente.

Polo momento descoñécense as circunstancias do suceso e como o autor dos disparos estaba en posesión dun arma de fogo. O deputado laborista pola circunscrición de Plymouth Sutton & Devonport, Luke Pollard, dixo que o tiroteo foi "horrible" e que estaba moi "afectado" ao saber que unha das vítimas é un neno.

"A área (do suceso) foi acordoada e a policía non busca a ninguén máis en relación co incidente", sinalou unha nota policial. Segundo testemuñas, primeiro escoitáronse berros e despois entre tres a catro tiros procedentes dunha vivenda, tras o cal o sospeitoso saíu do inmoble facendo máis disparos.

A ministra de Interior, Priti Patel, cualificou o suceso de "espantoso" e expresou a súa solidariedade coas vítimas.

 

Copiar

Noticias web

13/08/2021