CRTVG

Buscar

Seis festas ás que ir esta fin de semana en Galicia

Publicado o 19/05/2017 12:10

A oferta é ampla e moi variada e, de seguro, que algunha non quererás perder


FESTA DO SALMÓN NA ESTRADA
Na localidade pontevedresa da Estrada celébrase o domingo a Festa do Salmón, declarada de interese turístico de Galicia. Os asistentes poderán desgustar este peixe, amais de participar nos actos programados para esta ocasión. Celebrarán unha ruta degustación de tapas elaboradas con salmón, unha nova edición do concurso de pesca deste peixe e, como non podía ser doutro xeito, non faltará a musica e actividades para os máis pequenos da casa.

FESTA DE SANTA RITA EN VILAGARCÍA DE AROUSA
As festas de Santa Rita comezan mañá sábado ata o martes en Vilagarcía de Arousa. O día propio na honra á santa é o domingo, en que, amais das misas, haberá unha procesión que percorrerá as principais rúas desta vila pontevedresa. Haberá unha feira celta e animación polas rúas a cargo do grupo de gaitas Nós de Sobradelo. Tamén contarán coa actuación de Coque Malla. 

RUTA DO VIÑO DO RIBEIRO EN RIBADAVIA
Nova edición das xornadas de portas abertas desde hoxe ata o domingo na Ruta do Viño do Ribeiro, no centro histórico de Ribadavia. Os asistentes a estas xornadas gozarán de diversas actividades enoturísticas, como a visita ás adegas, paseos en carruaxe de cabalos polos viñedos e xincanas. Esta Ruta do Viño do Ribeiro forma parte das cinco rutas enoturísticas promovidas pola Axencia de Turismo de Galicia. Son prazas limitadas, así que é preciso inscribirse antes.

FESTA DA EMPANADA DE MILLO EN SALCEDO
Mañá sábado comeza na localidade pontevedresa de Salcedo unha nova edicion da festa gastronómica dedicada á empanada de millo. Haberá concursos de empanada, exhibición de taekwondo, procesión e animación musical a cargo dunha charanga, da Banda de Música de Salcedo e da Orquestra Tango.

FESTA DO CODILLO NA LAMA, PONTEVEDRA
Un ano máis celébrase o domingo a Festa do Codillo no concello pontevedrés da Lama. Un gran número de comensais que se congregarán na alameda da Lama para degustar esta exquisita carne de porco, que se vai servir acompañada de pan e viño. E como non podía ser doutra maneira, tampouco faltará a música, que este ano correrá a cargo de Os Encerellados.

FESTA DO OVO EN PAZOS DE BORBÉN
A festa do ovo celébrase este domingo na parroquia de Nespereira, no concello de Pazos de Borbén. Coma sempre, o prato estrela serán os ovos con patacas e chourizo, pero tamén se poderán degustar tortillas preparadas de distintas maneiras. Iso si, o que non faltará será o viño e o pan. O Dúo Estelar e o grupo de gaitas Árdelle o Eixo amenizarán coa súa música toda a tarde.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/05/2017