CRTVG

Buscar

Seis detidos ao intentar evitar o desafiuzamento de catro mulleres en Madrid

Publicado o 22/02/2019 19:41

Hai seis persoas detidas e outras 26 foron identificadas pola policía por tentar opoñerse ao desafiuzamento de catro mulleres no barrio madrileño de Lavapiés. Foron acusados de resistencia á autoridade por participar na sentada que pretendía impedir o acceso da comisión xudicial encargada de executar o desaloxo. 

Ás doce do mediodía confirmouse a execución dos catro desafiuzamentos. Catro mulleres, Mayra, Juana, Rosa e Pepi, esta última por sétima vez, quedan na rúa sen solución habitacional.

"Calquera institución que poida solventar esta situación debería de estar aquí".

Houbo lazamento de ovos e forcexos cos antidisturbios, que tiveron que enviar reforzos. Desde as dez da mañá, un grupo de máis dun centenar de persoas apostáranse ante o portal do número 11 da rúa Argumosa, para tentar impedir o desaloxo. Explican que un fondo voitre quere conseguir os inmobles para subir os prezos, e quéixanse de que a notificación se fixo con menos de 48 horas. 

Alejandra Jacinto, avogada e voceira da PAH: "Reiterámoslles a desobediencia que está supoñendo desatender as diferentes resolución de Nacións Unidos que esixen que se paralice ese desaloxo, e dinnos que lles dá igual, que non teñen nada que falar con nós e que marcharamos de alí inmediatamente".

Entre os manifestantes, dous deputados de Unidos-Podemos e un ex-concelleiro de Ahora Madrid que non fixeron declaracións -dixeron- para deixar o protagonismo aos activistas Antidesafiuzamentos e ao Sindicato de Inquilinas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/02/2019