Seis concellos ourensáns xa teñen inmunidade de rabaño
Seis concellos galegos teñen xa a denominada inmunidade de rabaño, con máis do 70 % da poboación vacinada, segundo confirmaba o conselleiro de Sanidade durante a rolda de prensa do Comité Clínico. Son todos da provincia de Ourense; o máis grande, Vilar de Barrio, con 1.300 habitantes
Tres persoas faleceron en Vilar de Barrio por mor da covid−19. Foi nos primeiros momentos da pandemia, cando en Galicia se empezaba a falar dos gromos.
"Pasouse mal. Levouse como se puido. Houbo momentos con bastante xente afectada", lamenta un veciño.
Coas vítimas aínda na memoria, felicítanse por ser tamén dos primeiros en conseguir a inmunidade colectiva.
Manuel Conde, alcalde de Vilar de Barrio: "Grazas á disciplina que tivemos colectivamente, tamén motivada porque tivemos o primeiro gromo que se produciu practicamente en Galicia, tivemos unha disciplina social admirable. E motívanos para empezar a facer actividades sociais moi necesarias para poñer en valor o rural, ou o interior do interior de Galicia".
No interior do interior están tamén os outros cinco concellos galegos con máis do 70 % da poboación vacinada: Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, Larouco, Parada de Sil e A Teixeira, todos con censos de 300 a 500 habitantes.
"Estamos máis tranquilos. Pódenos dar igual pero daranos máis leve". "Paréceme unha nova marabillosa. E espero que empecen a sumarse máis concellos", din dous veciños de Barrio.
Engaden, iso si, que non hai que baixar a garda con todo o verán por diante.