CRTVG

Buscar

Os casos positivos de coronavirus achéganse aos 3.000 e 84 falecidos

Publicado o 12/03/2020 17:07

• Oito comunidades pechan colexios e universidades

O Ministerio de Sanidade contabiliza este xoves 84 falecidos con coronavirus (34 máis que onte) e 2.968 casos confirmados en España, 816 máis que o mércores.

Case a metade do total localízanse en Madrid (1.388), a comunidade máis afectada xunto con País Vasco (346), Cataluña (260) e A Rioxa (205).

Son os últimos datos do departamento que dirixe Salvador  Illa, que ademais informou de 189 altas desde o inicio do brote.

Ademais de Madrid, País Vasco, A Rioxa e Cataluña, os datos por comunidades son: Andalucía (115), Castela-A Mancha (115), Comunidade Valenciana (94), Castela e León (92), Navarra (73), Aragón (64), Canarias (51), Asturias (47), Galicia (35), Murcia (26), Baleares (22), Estremadura (19) e Cantabria (16).

As cidades autónomas de Ceuta e Melilla seguen sen rexistrar casos confirmados.

A Comunidade de Madrid segue a ser a que ten máis diagnosticados de coronavirus, con case 1.400 casos.

O tráfico nas estradas de acceso a Madrid era esta mañá máis fluído do habitual, xa que na cidade hai cada vez menos actividade. Primeiro pecharon colexios, universidades e centros de maiores, e progresivamente todo tipo de establecementos públicos.

Os últimos, os dependentes do Ministerio de Cultura, entre eles a Biblioteca Nacional a Filmoteca e tres museos, o Raíña Sofía, o Thyssen Bornemisza e o Museo do Prado, emblema cultural da cidade. Non saben aínda por canto tempo. 

Moitos teatros suspenden funcións, os cines limitan capacidade, e algúns bares e establecementos privados decidiron tamén pechar as portas.

Onte, primeiro día de peche de colexios e centros educativos, o número de viaxeiros nos autobuses da Empresa Municipal de Transportes descendeu un 41% con respecto ao mércores da semana pasada, e o metro rexistrou unha caída de preto do 36%.

A Comunidade de Madrid informou de que mantén a desinfección diaria de trens e autobuses pero aínda así aconsella a persoas maiores e poboación de risco que eviten moverse en transporte público en xeral. A comunidade suma xa 38 falecidos e preto de 1.400 casos.

En Cataluña, o Goberno elevou o nivel de alerta. Nesta comunidadde preocupa o foco detectado no hospital de Igualada, cun morto, 20 infectados e 250 illados.

Tamén son moitas as rexións que xa clausuraron os centros de día para maiores, coma este do País Vasco.

Oito comunidades pechan colexios e universidades polo coronavirus

Oito comunidades autónomas, Madrid, Murcia, País Vasco, A Rioxa, Galicia, Cataluña, as Canarias e Aragón, decidiron pechar os centros educativos de todas as etapas pola crise do coronavirus que se vive en España.

Cataluña, Galicia, Murcia e as Canarias foron as últimas en sumarse a unha lista que comezou esta semana na Rioxa e no País Vasco para continuar pola comunidade madrileña.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves a suspensión das clases desde o vindeiro luns e durante catorce días, con opción de que os alumnos xa non vaian desde mañá venres, "se é posible".

O Goberno de Murcia ordenou, así mesmo, a suspensión das clases en colexios, institutos e universidades a partir do luns para conter o contaxio do coronavirus, segundo informou o conselleiro da Presidencia, Javier Celdrán.

Ademais, os colexios, garderías, institutos e universidades catalás cesarán a súa actividade desde mañá venres, segundo anunciou o presidente da Generalitat, Quim Torra, como medida para conter o coronavirus.

As clases baleiras tamén se verán noutros lugares. Así, en Oviedo, o Goberno do Principado decidiu pechar a partir de mañá todos os centros educativos non universitarios, o que afecta a 35.300 alumnos.

Polo seu lado, o president da Generalitat Valenciana, Ximo Puig, afirmou onte mércores que "non hai ningunha dúbida" de que se vai a manter o calendario escolar que está xa aprobado, pese ao aprazamentos das festas das fallas e da Madalena pola epidemia. É dicir, a semana que vén ía ser non lectiva, e non se vai a alterar.

E na Universidade de Castela-A Mancha enviarase o vindeiro luns a 28.000 alumnos ás súas casas, despois de anunciar que suspende a actividade docente presencial, que a partir de agora realizarase de forma virtual como medida de prevención.