CRTVG

Buscar

Os veciños de Meicende piden unha circunvalación

Publicado o 21/02/2019 14:32

Os veciños de Meicende, moi preto da Coruña, levan anos soportando os inconvenientes de estar situados a carón de varias grandes industrias. Calculan que hai días en que medio milleiro de camións atravesa a localidade."Entre ruídos, o mal estado da estrada, o carbón que transportan que queda todo ciscado pola estrada".

Aquí viven unhas 3.000 persoas. A poucos metros das vivendas comparten espazo industrias como a refinería, unha planta de butano ou outra de carbón. Os camións que transportan todas estas mercadorías non teñen máis remedio que pasar pola zona urbana.

"Hai solucións. Hai uns anos que o Goberno central deixara unha partida para conectar a vía que vai ao porto exterior e conectala para que saian os camións de Meicende. O que queremos é que se execute"."Se había unha partida de diñeiro para facer ese traballo que o fagan, que vai para dez anos e seguimos igual. É como a quen lle compran uns zapatos e non llos deixan poñer".

Consideran que quitar o transporte pesado do centro só tería vantaxes."Poñería como exemplo o caso de Betanzos. Antes todo o tráfico pesado atravesaba o centro urbano, desde que se fixo a circunvalación, ten a mesma vida ou máis e non afectou para nada. Aquí pasaría igual".

Cren que, ademais das molestias que ocasionan os camións, tamén hai un risco para a seguridade, xa que a maior parte deles transporta mercadorías perigosas.

Noticias web

21/02/2019