CRTVG

Buscar

O Goberno amplía as axudas para os autónomos ata setembro e inclúe os de tempada

Publicado o 26/06/2020 08:40

O Goberno acordou cos autónomos estender ata o 30 de setembro as axudas para os que sigan vendo afectado o seu negocio polo COVID-19, así como crear un novo subsidio para os de tempada, segundo anunciou o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá.

Así, por unha banda, os beneficiarios da prestación extraordinaria existente ata o de agora, 1,4 millóns ao peche de maio, poderán solicitar a ordinaria por cesamento de actividade, sempre que acrediten unha redución da facturación do 75 % no trimestre de verán -de xullo a setembro- fronte ao mesmo período do ano anterior.

Para iso, explicaron desde a Seguridade Social, non necesitarán esperar a que termine o trimestre senón que poden solicitar a prestación ordinaria cando estimen que cumpren os requisitos e acreditalos documentalmente unha vez finalice o trimestre.

Tamén se inclúe unha prórroga da exención das cotas para os autónomos que viñesen percibindo esa prestación extraordinaria: non pagarán a cota de xullo e terán unha exención do 50 % en agosto e do 25 % en setembro.

Xunto a isto, recoñecerase unha prestación para os autónomos estacionais ou de tempada, que se quedaron fóra da anterior ao non estar dados de alta na Seguridade Social cando se decretou o estado de alarma.

No acto do acordo das medidas, que poderían aprobarse no consello extraordinario de mañá, o presidente de ATA, Lorenzo Amor, considerou que supón un paso fundamental "na protección dos autónomos que peor o están pasando", necesario para todos eles pero tamén "para a confianza do país".Así, subliñou que este o pacto servirá para protexer ese 10 % dos autónomos que non puideron iniciar a súa actividade por riscos sanitarios, así como aos que viron reducida a súa facturación. 

O secretario xeral de UPTA, Eduardo Abad, resaltou o "balón de osíxeno" que representa esta nova protección que chegará nos próximos meses "aos autónomos que peor están", en concreto, aos de tempada, para quen servirá para "reverter a absoluta indixencia económica que estaban a pasar".

Pola súa banda, a secretaria xeral de Uatae, María José Landaburu, considerou o acordo "un magnífico punto de partida", e confiou en seguir negociando porque ten puntos "manifestamente mellorables".

A prestación extraordinaria aprobouse tras a declaración do estado de alarma pola pandemia do COVID-19 e ten acceso a ela calquera autónomo que se vexa afectado polo peche de negocios debido á declaración do estado de alarma ou cuxa facturación caia no mes un 75 % respecto a a media mensual do semestre anterior.

A contía ascende ao 70 % da base reguladora (uns 661 euros no caso dos que cotizan pola base mínima) e estaba vixente ata o último día do mes en que terminará o estado de alarma, é dicir, ata o vindeiro martes 30.

Máis de 1,4 millóns de autónomos cobraron a finais de maio esta prestación, segundo datos da Seguridade Social, que tamén detalla que desde a súa posta en marcha se destinaron 2.500 millóns de euros.

Os sectores con máis beneficiarios da prestación foi comercio (351.627), hostalería (261.336), e construción (152.646) con máis da metade das solicitudes concedidas. Por comunidades, as que tivo maior número de receptores foron Andalucía (253.244), Cataluña (233.582), Madrid (179.425) e Comunidade Valenciana (160.636)