CRTVG

Buscar

Fala a irmá de Sonia Iglesias: "O caso da desaparición segue aberto a nivel policial"

Publicado o 28/08/2019 10:33

O pasado día 18 fixo nove anos da desaparición de Sonia Iglesias en Pontevedra. Nove anos de investigacións e poucas respostas claras. A súa parella, Julio Araújo, foi investigado e imputado en varias ocasións. Aínda o ano pasado foi rexistrada a casa do barrio de San Mauro en que vivira a parella

O próximo venres, unha marcha que partirá da praza da Ferrería lembrará a Sonia.

"Xa transcorreron nove anos, moi longos e moi duros. Pero seguimos estando aí, seguimos loitando", di Carmen, a irmá de Sonia.

"O caso está arquivado desde o ano pasado, de forma provisional, a nivel xudicial. Pero a nivel policial cónstanos que segue aberto. De feito, os inspectores que levan o caso xa nos comentaron en diversas ocasións que se aparecen novas pistas eles vanas seguir. Iso é unha esperanza", explica Carmen Iglesias sobre a situación actual da investigación.

Desde a familia cren que os primeiros pasos que se deron nas pescudas deste caso influíron moito en que non se obtivesen resultados.

"É verdade que foi un caso moi mediático, pero creo que nos primeiros momentos se puideron facer outras cousas, -asegura-. Por exemplo, o único imputado que houbo, que foi a súa parella, en ningún momento estivo detido. Se iso ocorrese poderiamos ter outro resultado. Como iso nunca se fixo, nove anos despois, seguimos así, esperando unha resposta que non dá chegado".

Aínda así, desde a familia non teñen reproches para os investigadores porque "a nivel policial ese foi o único fallo que podería destacar", di Carmen Iglesias. "Noutros moitos casos de desaparición á primeira persoa que se investiga é a parella, e na maioría dos casos acaba detida. No caso da miña irmá iso non ocorreu. Eu penso que a policía fixo todo o que puido, pero como el ía declarar de forma voluntaria, seguramente, pensaban que coa presión social se viría abaixo, e non o fixo nin o vai facer".

Pero aínda que levan esperando nove anos, a familia mantén a esperanza e segue na loita para aclarar que pasou con Sonia: "O vernes faremos unha nova concentración para que o caso non se esqueza e recordarlle a xustiza e á policía que nós seguimos estando aquí esperando respostas que non temos", conclúe Carmen. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí