CRTVG

Buscar

Segundo o CIS, os españois prefiren un goberno de coalición PSOE-Podemos

Publicado o 30/05/2019 19:20

Case a metade dos españois é partidaria dunha coalición de Goberno entre varios partidos. Segundo o último barómetro do CIS, a opción preferida sería a alianza entre o PSOE e Unidas Podemos. A sondaxe, realizada antes das municipais e autonómicas do pasado domingo, situa o PP como cuarta forza política. 

O 45% dos españois cre que o futuro goberno debería ser de coalición. Entre as posibles combinacións, a do PSOE e Unidas Podemos sen os independentistas é a preferida, seguida pola dos socialistas con Ciudadanos. Chama a atención que o 80% dos votantes do partido laranxa apoian esta opción, descartada por Albert Rivera. Entre os votantes do PSOE, gaña con diferenza a alianza con Podemos, tamén contra o criterio da dirección socialista.

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE: "Non cabe desde unha perspectiva de modelo falar de goberno de coalición porque entraña outras significacións que non compartimos. Nós apostamos por un goberno socialista aberto a persoas independentes".

Nunha nota posterior, o CIS combina os resultados de dúas preguntas para asegurar que a maioría prefire un goberno en solitario. No PP cren que a institución está desacreditada.

Marta González, vicesecretaria de Comunicación do PP: "Temos falado moito xa durante este ano pasado en relación ás modificacións que se fixeron sobre o traballo nas enquisas e o descrédito xeneralizado que teñen agora mesmo eses resultados, o que é unha mágoa".

O barómetro de maio fíxose antes das autonómicas, municipais e europeas do domingo pasado. Mantén o PSOE como primeira forza política e relega o PP á cuarta posición, tras Ciudadanos e Unidas Podemos.

 



 

Noticias web

30/05/2019