CRTVG

Buscar

Segundo incendio no porto de Beirut en dous días

Publicado o 10/09/2020 17:54


O fiscal xeral do Líbano, Ghassan Oueidat, ordenou unha investigación "inmediata" para esclarecer as causas do "repentino incendio" ocorrido no porto de Beirut, que aínda non se extinguiu, un mes despois de que unha grande explosión no mesmo lugar arrasara gran parte da capital.

Pola súa banda, a ministra de Xustiza interina, Marie-Claude Najm, afirmou nun comunicado que solicitou a Oueidat facer seguimento do caso para tomar as medidas necesarias contra "os responsables" do suceso. O incendio produciuse en dous almacéns no mercado libre de impostos do porto de Beirut, segundo informou este xoves o Exército libanés na súa conta de Twitter.

Unha gran fumareda negra elevouse sobre o porto e é visible desde toda a cidade, mentres os bombeiros e equipos da Defensa Civil libanesa tratan de extinguir o lume desde fai máis dunha hora.

Pola súa banda, o portavoz da Cruz Vermella Libanesa, Rodney Eid, informou de que os seus equipos tiveron que atender unha persoa no lugar, pero que o ferido non está grave. Unha fonte militar, que pediu non ser identificada, asegurou que se orixinaron no porto "dous lumes, separados un do outro" e, segundo os primeiros indicios, "non son por causas naturais". Ademais, indicou que un lume desatouse no interior dun almacén con pneumáticos, mentres que o outro se orixinou nun que contiña roupa.

Trátase do segundo incendio que se rexistra no porto en dous días, despois de que o 8 de setembro os bombeiros apagaran un incendio orixinado entre os entullos mesturados con restos de lixo, madeira e pneumáticos, segundo un comunicado do Exército. Os entullos atópanse no porto desde a explosión do 4 de agosto, cando un incendio nun almacén provocou a deflagración dun cargamento de nitrato de amonio, o que xerou unha onda expansiva que deixou 191 mortos, máis de 6.500 feridos e unhas 300.000 persoas sen fogar.

Noticias web

10/09/2020