O colapso no aeroporto de Colombo complica a repatriación da parella de Pontecesures
Segundo día de loito oficial nos concellos de Rianxo e Pontecesures, mentres agardan a repatriación dos cadáveres de María e Alberto, a parella falecida nos atentados de Sri Lanka. Non contan con que estean de volta antes dunha semana, polos trámites burocráticos.
O caos que reina en Sri Lanka desde os múltiples atentados que o domingo lles custaron a vida a máis de 320 persoas, ten efectos nos concellos de Pontecesures e Rianxo, onde as familias de María González e Alberto Chaves agardan polos seus cadáveres para darlles sepultura. Segundo nos informaba esta mesma mañá o alcalde de Pontecesures, inmerso no segundo día de loito oficial, o colapso do aeroporto internacional de Colombo e a cantidade de vítimas, moitas delas estranxeiras, complican os trámites burocráticos que, segundo fontes diplomáticas, poderían prolongarse máis dunha semana.
Tamén seguen de loito oficial en Rianxo, de onde era natural Alberto Chaves e onde residen os seus pais. E en Padrón, concello lindeiro con Pontecesures e onde traballaba María González, na empresa familiar, suspenderon os actos dedicados a Rianxo con motivo do Martes de Pascua, como mostra de solidariedade cos familiares e amigos da parella.