CRTVG

Buscar

Segundo día consecutivo sen falecidos pola covid en Galicia

Publicado o 16/04/2021 20:30
Segundo día consecutivo sen falecidos pola covid en Galicia

O Servizo Galego de Saúde notificou que, tanto na xornada de onte como na de hoxe, non hai que lamentar falecidos a causa do coronavirus. A cifra total de decesos sitúase nos 2.371 desde o comezo da pandemia en Galicia. 

Entre finais de setembro e finais de marzo comunicáronse falecidos de forma diaria. Desde entón anótanse sete xornadas sen comunicación de falecidos. A segunda metade do mes de xaneiro e o inicio de febreiro foron os momentos nos que máis mortes se rexistraron na terceira vaga, coincidindo co pico após as festas de Nadal. Naquela etapa, notificáronse en varias ocasións máis dunha trintena de vítimas mortais diarias.

A cifra máxima comunicouse o 1 de febreiro, con 40 falecidos -aínda que correspondentes a varios días-. Coa diminución na incidencia de casos e a progresiva inmunización a través da vacina ás persoas de máis idade e, principalmente, aos internos e traballadores das residencias de maiores, as cifras de vítimas mortais van diminuíndo.

De feito, a data deste venres, non hai ningún usuario nin traballador contaxiado con covid nas residencias. O último óbito rexistrouse o 13 de abril, unha muller de 78 anos que faleceu no CHUAC.

A pesar destes datos positivos, a tendencia en canto a casos e hospitalizacións segue á alza na comunidade. Na xornada de hoxe rexistráronse 229 novos positivos e repuntou a presión asistencial. Hai 195 persoas hospitalizadas, das que 169 están en planta e 26 nas UCI.