CRTVG

Buscar

Segundo día con restricións en Madrid, e confínanse Palencia e León

Publicado o 06/10/2020 15:15

Segundo día con restricións de mobilidade en Madrid e noutros nove municipios da comunidade. Só se pode saír para traballar, ir á escola ou por forza maior. Hai 4,7 millóns de afectados.

É unha xornada en que se reúne o Grupo covid−19, integrado por membros do Goberno central e a Comunidade de Madrid. É a primeira xuntanza tras o Consello Interterritorial que impuxo as restricións. Sobre o encontro planean as dúbidas do executivo central ante a melloría dos datos de Madrid despois de que a rexión notificara este luns 207 infectados, lonxe dos 814 rexistrados o venres.

Menres, a Fiscalía de Madrid amósase partidaria de ratificar as restricións pola pandemia. O mesmo día en que VOX pide ante a Audiencia Nacional medidas contra estas.

Tamén hai restricións en Castela e León. Dende as 12 da noite deste martes, e durante 14 días, limítase a mobilidade en León, San Andrés del Rabanedo e Palencia.

Ademais, pasa a estar confinada La Almunia de Doña Godina, en Aragón, tras acadar taxas de mil casos por cada cen mil habitantes. O Goberno autonómico tamén se anticipa aos contaxios que poderían producirse nas festas do 12 de outubro, día do Pilar. Por iso decidiu que tanto Zaragoza como Huesca regresen a partir do xoves á fase dúas. Os hostaleiros zaragozanos anuncian que estudan recorrer contra a medida ante os tribunais.

En Valencia, investígase o gromo rexistrado nunha residencia estudantil, que xa conta con 131 positivos. Cataluña sobe o risco de repunta, e o último balance confirma que a cifra de ingresados nas UCI volve a niveis de maio, con 172 persoas en coidados intensivos.

Noticias web

06/10/2020