CRTVG

Buscar

Segundo crime machista en Valga no que vai de ano

Publicado o 17/09/2019 08:21

É a segunda vez este ano que as bandeiras ondean a media hasta neste municipio pontevedrés, de apenas 6.000 habitantes, en sinal de loito por vítimas da violencia machista. En marzo, Javier Bello matou cunha escopeta de caza a súa muller, María José Aboy, e despois suicidouse na súa casa da parroquia de Setecoros. Tiñan dous fillos maiores de idade, que decidiron que o matrimonio compartise esquela e enterro.

Foi a primeira vítima da violencia de xénero este ano en Galicia. A segunda, en xullo en Vilalba, onde Manuel Vázquez matou a coiteladas a súa ex-parella María del Carmen Vázquez, e despois quitouse a vida no garaxe da vítima, que o denunciara por malos tratos. O asasino tiña unha orde de afastamento.

O crime cometido hoxe en Valga deixa tres vítimas máis, pero só unha, Sandra, se vai sumar á lista de mulleres asasinadas por violencia machista. As estatísticas oficiais non contabilizan vítimas que non sexan parella ou fillos do agresor, co que outros familiares ou membros do contorno non se computan na lista. Dende que en 2003 se comezaron a recoller datos sobre violencia machista, en Galicia foron asasinadas 63 mulleres. Unha lista dramática na que o primeiro nome é o de Carmen Rodríguez, de 72 anos, asasinada cun martelo polo seu marido en Mugardos, ata Ana Belén Varela, a última vítima de 2018, que recibiu tres tiros polas costas na súa casa de Cabana de Bergantiños cando fuxía do seu home. Tamén figura Diana Quer, asasinada o verán de 2016. O seu presunto asasino, José Enrique Abuín, está á espera de xuízo. Para mediados de novembro está fixado o doutro crime cometido ese mesmo ano, o de Ana Enjamio, acoitelada cando regresaba dunha cea de traballo. A súa ex-parella agarda no cárcere da Lama o inicio do xuízo.

En toda España, dende 2003 contabilízanse 1.016 mulleres vítimas mortais da violencia machista.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/09/2019