CRTVG

Buscar

Segundo cribado poboacional en Ribeira con 720 persoas citadas

Publicado o 21/11/2020 20:48

En Ribeira preocupa a alta incidencia acumulada das últimas semanas. As autoridades sanitarias cren que unha "medida importante" para intentar controlar os contaxios está nos cribados masivos. E por iso, este sábado realizouse un segundo cribado poboacional, que é a continuación do da semana pasada.

Nesta ocasión foron citadas cun SMS un total de 720 persoas. Foi unha selección mostral aleatoria do 35 % dos veciños que foron chamados e non acudiron na primeira convocatoria. Todos teñen entre 40 e 50 anos.

Nesta ocasión as probas realizáronse no centro de saúde da vila.
"É moi importante, a fin de semana pasada fixemos un cribado na zona da Estrada e acudiu o 80 %, e no de Ribeira, tamén era máis poboación, uns 5.000 citados, acudiu o 65 %, entón fixemos un chamamento para ese 35 % que quedaba para ver se polas circunstancias polas que non puideron acudir nesas datas, poden acudir hoxe", asegura Eloína Núñez, xerente da área sanitaria de Santiago e A Barbanza.

Os resultados das probas coñeceranse en 24 ou 48 horas. No cribado da semana pasada, ao que acudiran 3.239 persoas, houbera un total de 5 casos positivos asintomáticos.

Noticias web

21/11/2020