CRTVG

Buscar

Os lobos volven atacar o gando en Abadín

Publicado o 14/03/2019 13:54

Esta xato quedou malferido no último ataque do lobo rexistrado en Romariz, no concello chairego de Abadín. Como resultado, o animal precisa que lle administren antibióticos para poder sobrevivir.

Mario Díaz, gandeiro: "Xa non se levantaba, que andaba coxeando. Trouxemos as vacas para a nave e chamei o veterinario, que lle deu medicamentos. Despois chamei a Medio Ambiente e veu un garda que certificou que fora o lobo".

Un día antes, os lobos mataran outro xato no mesmo lugar de Espiñarcao, a escasos metros de onde se producira o anterior ataque. Nesta ocasión, o dono do gando foi testemuña do acontecido.

Marcelino Díaz, gandeiro: "Encontrei dous lobos, un enriba dun xato e o outro coa nai, intentando separala do xato. Berreilles e separáronse uns vinte metros e quedaron mirando cara a min a ver se marchaba. Seguín andando e marcharon, dous lobos enormes".

Ante os reiterados ataques do lobo, os gandeiros da zona reclaman solucións por parte de Medio Ambiente.

Mario Díaz, gandeiro: "Se non se toman medidas, isto vai ser moi malo para nós. Habería que tomar medidas urxentes".

Marcelino Díaz, gandeiro: "Fun onte falar cos de Medio Ambiente para intentar darlle unha solución entre a Xunta e os gandeiros, porque son ataques moi reiterados que temos que solucionar dalgunha maneira. Cremos que a mellor maneira é entre Medio Ambiente e nós".

Os gandeiros afectados sinalan que non están en contra do lobo, senón das perdas que están a sufrir debido á inusitada proliferación dos seus ataques ao gando.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/03/2019