CRTVG

Buscar

Segundo aniversario do 1-O, marcado pola tensión e a inminencia da sentenza do 'procés'

Publicado o 01/10/2019 08:36

Segundo aniversario do referendo ilegal do 1 de outubro. Hai convocados numerosos actos de conmemoración nas rúas de Cataluña. Unha data marcada pola tensión tras a detención dos membros do CDR e polos seus supostos preparativos de actos violentos e tamén pola inminencia da sentenza do procés. Nas horas previas a este aniversario, dimitía o xefe dos Mossos e Ciudadanos presentaba a moción de censura contra Quim Torra. 

Os autos cos que o xuíz enviou a prisión os CDR revelan a suposta campaña de sabotaxes e atentados que preparaban. García Castellón atribúelle ao chamado 'CNI catalán' un plan de conspiración contra as institucións do Estado, incluido un asalto ao Parlament o día que saíra a sentenza do procés, prevista para a semana que vén. Segundo reflicte o auto xudicial, en base ás conversas telefónicas e material intervido, tamén preparaban colocar explosivos na AP-7 e en torres de telefonía e mesmo atacar comisarías dos Mossos e da policía e o cuartel da Garda Civil de Canovelles.

Ciudadanos cre que as sospeitas de que Torra puido axudar os CDR xustifican unha moción de censura.

Lorena Roldán, voceira de Ciudadanos: "Traspasouse unha liña vermella gravísima. Xa non só está en xogo a convivencia entre cataláns, tamén se está poñendo en xaque a seguridade".

O PP apoiará a moción, aínda que non ten visos de prosperar. Os populares instaron a Sánchez a asumir o control dos Mossos d'Esquadra a través da Lei de seguridade nacional.

Teodoro Garcia Egea, Secretario xeral do PP: "O señor Pedro Sánchez debería tomar as rendas, aplicar a Lei de seguridade nacional e non utilizar este baleiro de actuacións do señor Sánchez en Cataluña como moeda de cambio aos independentistas. A equidistancia do señor Sánchez estana pagado moitos cataláns"

Sánchez reitera os avisos ao independentistas.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións: "Os independentistas levan moito tempo equivocándose. Cometeron erros xigantescos. Reclámolles que non cometan o peor de todos eses erros, que non xoguen con lume, que condenen a violencia".

Para hoxe hai convocados numerosos actos de mobilización para conmemorar o segundo aniversario do referendo ilegal, a principal será a manifestación ás sete en Barcelona e outra en Lledoners, e tamén o independentismo quenta motores e planea a reacción á sentenza do procés. A ANC, por exemplo, propón unha marcha de tres días polas rúas de Cataluña.

Nun acto de homenaxe aos presidentes da Generalitat en Montserrat, o president Quim Torra, que sempre dixo que só acatará a sentenza se é absolutoria, asegurou que o 1 de outubro é luz e liberdade.

"Porque o 1 de outubro marcounos un camiño, o camiño da democracia, ensinounos o camiño da defensa dos dereitos, o camiño do respecto colectivo", dixo Torra. 

Para reforzar a seguridade deste 1 de outubro, o ministerio de Interior planea despregar 750 antidisturbios para coordinarse cos Mossos. Precisamente, nas últimas horas, o director da policía catalá presentaba a súa dimisión alegando "motivos persoais".

Noticias web

01/10/2019