CRTVG

Buscar

Segundo accidente grave en montaxe de andamio en Galicia en dez días

Publicado o 12/09/2019 14:13

É parte do andamio que foi abaixo onte á tarde en Pontevedra cando dous operarios traballaban na súa montaxe; un estaba sobre a beirarrúa e o outro subido na estrutura a uns cinco metros de altura, segundo a investigación da policía.

Un veciño, Alfonso, viuno instantes despois da caída: "Vin o andamio caído e o chaval tirado na rúa, non se movía".

O lesionado, de algo máis de corenta anos de idade, está hospitalizado con feridas de prognóstico reservado.

En conversa telefónica, o construtor responsable do andamio, Martín Sobral, precisou que o traballador ten unha vértebra aplastada e que está ben. Preguntado por que puido caer a estrutura, díxonos que foi un despiste na colocación dun tubo diagonal de afianzamento. A investigación policial apunta ao mesmo pero fala de máis dunha cruceta. Cando chegaron os servizos de urxencia, o traballador mancado tiña o arnés posto, pero sen enganchar a liña de vida. Segundo a policía, a construtor ten todo en regra.

O accidente aconteceu nove días despois do de Novo Meicende, na Coruña, que lle custou a vida a un operario de 42 anos e deixou ferido de gravidade o seu compañeiro na montaxe dunha estada cando, coma neste caso, preparaban a estrutura para rehaiblitar unha fachada.

No caso de onte, afortunadamante non pasaba ninguén pola zona e o obreiro de abaixo viu a que se lle viña enriba e púxose a salvo.

Fontes do sector lembran que a montaxe dunha estrutura tubular require persoal cunha formación específica e levala a cabo con toda a seguridade. Din que ás veces se deixa nun segundo plano a seguridade dando prioridade a aforrar na factura.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/09/2019