CRTVG

Buscar

Segunda xornada da ABAU: menos nervios no ambiente, problemas co inglés e alegrías co galego

Publicado o 09/06/2021 20:26

Atopamos futuros universitarios ás portas da segunda xornada da selectividade. Aseguran estar algo máis tranquilos despois do festival de nervios do primeiro día. Pero seguía sendo inevitable ver estudantes apurando os apuntamentos.

Sendo a segunda ABAU da pandemia, nótase a aprendizaxe: entradas ás aulas máis ordenadas e rápidas, coas medidas xa tan interiorizadas.

Tocaba día de probas de matemáticas. E de galego, que lles resultaron máis fáciles do agardado. Tocaba tamén lingua estranxeira, e saíron dicindo que o exame de inglés foi complicado.

Máis de 13.000 alumnos están poñendo en xogo o 40 por cento da nota de acceso á carreira. Pero volveu ser un curso excepcional, así que os exames seguen ofrecendo máis opcións a escoller.

Parte deles remataron este mércores, parte deles rematan este xoves. Coñecerán as notas o 17 de xuño.

Noticias web

09/06/2021