CRTVG

Buscar

Segunda vitoria do Lugo na Liga

Publicado o 20/10/2019 11:52

Os lucenses derrotan o Huesca con tres goles a balón parado

O Lugo púxose serio para sacar o partido ante o Huesca en tres xogadas a balón parado que resultaron determinantes.

A primeira, nun saque de esquina no minuto dez en que Rahmani remata, rexeita Álvaro Fernández e José Carlos remacha á rede. Primeiro gol do sevillano en tres temporadas no conxunto lucense.

O segundo gol nacería nun saque de esquina, pero tivo unha resolución absurda por parte de Josué. Cando o porteiro xa se fixera o balón, o defensa levanta a perna e derruba a Peybernes. O colexiado tras consulta co VAR sinala penalti que transforma Cristian Herrera no dous a cero. Os lucenses reclamaron a expulsión de Josué, quen xa tiña un cartón amarelo.

Todo trocou no inicio da segunda metade cando Rahmani, que xa estaba amoestado, saca o cóbado e golpea a Miguelón. O Lugo quedaba con dez e desa circunstancia aproveitouse o Huesca para recurtar diferenzas nove minutos despois por medio de Okazaki. Segundo gol do xaponés desde a súa chegada ao conxunto azulgrá.

E case sen tempo para recompoñerse, os aragoneses lograron a igualada por medio de Miguelón tras un pase de Pulido, nunha acción que reflectiu a falta de contundencia da defensa branco e vermella.

Pero noutra intervención inexplicable de Josué, o Lugo ía recuperar o aire. O defensa resulta expulsado por esta dura entrada e Cristian Herrea e devolvía a igualdade numérica ao terreo de xogo. O Lugo sacou partido xusto un minuto despois cando Peybernes, o xogador decisivo do encontro, remataba outro córner sacado por Borja Domínguez.

Un mes despois, o Lugo volvía triunfar na Liga.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/10/2019