CRTVG

Buscar

Regresan a Marrocos 6.500 persoas tras a crise de Ceuta, que suma unha nova morte

Publicado o 21/05/2021 09:04

Na praia do Tarajal, en Ceuta, apareceu un novo cadáver aboiando. É a segunda vítima mortal da crise migratoria que tensou a relación diplomática con Marrocos. Trátase dun mozo de orixe magrebí que, á falta de confirmación da autopsia, se sospeita que faleceu afogado cando tentaba alcanzar a costa española.

A ministra de Exteriores aseguraba nas últimas horas que traballa para restablecer o entendemento con Rabat, pero advertiu de que non vai cambiar de postura respecto ao Sáhara. 

A imaxe dun rapaz desesperado, a piques de afogar e negándose a saír da auga, representa a dura realidade de moitos dos oito mil inmigrantes que intentaron chegar estes días a España.

Finalmente, convencérono, saíu da auga e, entre bágoas, foi levado ata a fronteira. Seis mil persoas que entraran en Ceuta xa foron devoltas a Marrocos. Rabat e España acordaron a devolución dos inmigrantes en grupos de 40 cada dúas horas.

Desde que se pechou a fronteira, xa cesaron os intentos de entrar en Ceuta. A cidade autónoma recuperou a normalidade. Os que si quedan aínda son os máis de mil menores de idade que entraron en España. Ata a cidade están chegando moitos pais na súa busca. Moitos destes rapaces, e nenos atravesaron a fronteira alentados polos propios axentes marroquís ou por amigos.

As autoridades teñen acollidos 850 destes menores non reclamados, incluído un neno de catro anos. Para facerlles sitio, o Goberno repartiu entre as comunidades autónomas outros 200 nenos que xa estaban en centros de acollida ceutís.

Confirmado o regreso de 6.500 persoas 

O ministro do Interior confirmou que un total de 6.500 persoas das aproximadamente 8.000 que entraron irregularmente en Ceuta desde o pasado luns regresaron xa a Marrocos. En declaracións á cadea COPE, Fernando Grande-Marlaska dixo que non concibe "ningún outro intento de vulneración das nosas fronteiras" e que a situación na cidade autónoma é de "certa normalidade" en comparación con días anteriores.

Do mesmo xeito, explicou que a maior parte de menores que accederon a territorio español foron obxecto de solicitude de repatriación por parte das súas familias. Respecto a esta poboación e outros colectivos vulnerables, asegurou que se está "traballando no interese superior dos mesmos" e estanse devolvendo aqueles que son requiridos polos seus familiares coa intervención do Goberno marroquí e das autoridades españolas.

Marlaska confirmou que 30 persoas accederon nas últimas horas de xeito irregular saltando o valado de Melilla. Segundo salientou, aplicaráselles os procedementos axeitados e, no caso de  solicitaren protección internacional e non cumprir cos criterios, serán devoltos.

Ao preguntarlle sobre se advertiu ao Consello de Ministros das consecuencias de acoller o líder da Fronte Polisario, Brahim Ghali, nun hospital de Logroño para ser tratado de covid, respondeu que "todas as decisións son de Goberno e, neste caso, actuou necesariamente con razóns humanitarias".

"Un xesto humanitario desta relevancia ninguén pode concibir que teña esta resposta, onde menores pasaron ao noso país en condicións de risco", subliñou o ministro.

O titular de Interior insistiu en que as relacións con Marrocos son "estreitas" e "fraternais", que viven "un momento de desencontro", pero mostrouse convencido de que "co traballo calado e serio que estamos a desenvolver será moi breve".

Respecto a se o Goberno coñecía días ou horas antes que se ía a producir esa avalancha de inmigrantes, destacou a rapidez coa que se actuou, que permitiu "recompoñer a situación en bastante tempo récord", o que, ao seu xuízo, implica que os servizos de información funcionan.

Casado reparte culpas

Na oposición, Pablo Casado reparte culpas: acusa a Marrocos de provocar esta crise, a Podemos de agravios innecesarios a Marrocos e o Goberno de non ser capaz de evitala.

Pablo Casado, presidente do PP: "Dixemos que había que ter unha relación diplomática con Marrocos intelixente. Iso é o que non se fixo e iso é o que denunciei onte no Parlamento de España, que é onde hai que facer unha oposición leal".

Tensión diplomática

E mentres, continúa elevada a tensión diplomática entre España e Marrocos. A ministra de Defensa  lanzaba nas últimas horas esta advertencia a Rabat: "Non se sabe moi ben con que finalidade, porque algo debe ter claro Marrocos: con España non se xoga. Non se vai aceptar ningún tipo de chantaxes. A integridade de España non é negociable nin está en xogo".

Margarita Robles negou que fose un erro a acollida en España do dirixente saharauí Brahim Ghali, un dos motivos da disputa. Marrocos responde que a embaixadora non volverá a España ata que o líder da Fronte Polisario saia do país ou sexa xulgado. O xuíz Pedraz rexeitou decretar prisión inmediata para Ghali. Di que esa medida se poderá solicitar cando acuda a declarar o 1 de xuño.

Noticias web

21/05/2021