CRTVG

Buscar

Segunda grande operación contra o narcotráfico en pleno confinamento

Publicado o 26/04/2020 21:34

Helicópteros, planadoras, persecucións no medio da ría... a operación Lince sorprendeu en pleno confinamento con todos os ingredientes propios dunha película. O 27 de marzo, Policía e Garda Civil, en colaboración co servizo de Vixilancia Aduaneira, conseguiron frustrar a introdución en Galicia de 3.700 quilos de cocaína.

Á altura da illa de Sálvora, detectaron dúas planadoras que transportaban a droga ao litoral dende un buque nai. Unha delas encallou na desembocadura do río Umia e os dous ocupantes foron detidos. A outra, botando fardos pola borda, logrou fuxír ata Aguiño, onde os tripulantes escaparon monte a través.

Nos días seguintes as forzas de seguridade detiveron oito persoas en Cambados e A Guarda pola súa suposta vinculación co alixo. Unha quedou en liberdade con medidas cautelares e as outras sete ingresaron en prisión, provisional e sen fianza.

Segundo a xuíza que leva o caso, están a ser investigadas por un delito de tráfico de drogas en cantidade de importancia notoria. Tanta, que está considerada como unha das operacións contra o narcotráfico máis importantes dos últimos anos en Galicia.

Noticias web

26/04/2020