CRTVG

Buscar

Atallan o lume no vertedoiro de Zaldibar

Publicado o 18/02/2020 08:59

Os equipos de extinción conseguiron apagar o lume, pero o vertedoiro de Zaldibar fumeou durante toda a xornada. De feito, un retén permanece na zona para evitar que se repitan os incendios. A extinción do lume permitirá retomar a busca dos dous traballadores sepultados na derruba. Tamén se levantou a prohibición de non consumir e vender produtos das hortas dos caseríos próximos ao vertedoiro. A combustión provocou niveis de furanos e dioxinas que poderían ser nocivos para os veciños de Zaldibar, Ermua e Eibar. Con todo, os expertos cren que se alarmou en exceso a poboación.

Begoña Jiménez, investigadora do CSIC "A día de hoxe por fortuna, as mostras ambientais, especialmente mostras de aire, os niveis de dioxinas e furanos que se detectan son moi, moi baixos"

Desde o Goberno vasco engaden que a auga de consumo na comarca está en boas condicións e que só detectaron amonio e cadmio na auga dos ríos pero en niveis nada alarmantes. O lehendakari acudiu ao Parlamento para dar explicacións e alí admitiu fallos nos controis do vertedoiro.

Íñigo Urkullu, lehendakari: "Non teño problema ningún en asumir as críticas, fíxeno sempre que me pareceu necesario, sinto moito os erros que puidemos cometer neste operativo ao responder a unha situación inédita e da máxima complexidade"

Con todo, o presidente vasco lembrou que a derruba sucedeu nunha empresa e nun terreo privados, que a actuación da Administración é subsidiaria e que serán os tribunais os que diriman as responsabilidades da traxedia.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/02/2020