CRTVG

Buscar

Seguen os labores de rescate de persoas illadas no Xapón

Publicado o 13/10/2019 20:32

O goberno xaponés mobilizou 27.000 militares para axudar nos labores de salvamento. A prioridade é rescatar as persoas illadas polas inundacións.

O tifón afectou o centro, o leste e o nordeste do país con ventos furacanados e chuvias torrenciais. Nalgúns puntos caeu en menos de dous días máis dun terzo da auga que adoitan recoller nun ano.

Estas imaxes son da prefectura de Nagano, das máis damnificadas.

Vemos agora Kanagawa, onde os veciños contemplan con impotencia as súas vivendas anegadas.

Este explica que a auga subiu por riba da súa cabeza e deixou os mobles flotando. Di que a casa parece unha lavadora.

Estoutro aínda non puido entrar porque as portas están bloqueadas por mobles arrastrados pola auga.

Toquio tampouco se librou das inundacións. Este é un hospital que tivo que ser evacuado. Ademais no porto, as ondas afundiron un barco. Morreron dous tripulantes e hai seis desaparecidos.

O tifón xa pasou pero a poboación mantense en alerta polo risco de riadas e desprendementos de terra, coma este que botaba abaixo unha casa.

Noticias web

13/10/2019