Baixa o ritmo da suba de casos coa presión hospitalaria aínda en máximos
• Hai 1.279 persoas ingresadas: 1.086 en planta (-7) e 193 (+15) nas UCI

A terceira vaga segue en datos elevados de casos e hospitalizacións, pero nesta xornada faino a un ritmo menor que onte. Segundo os últimos datos do Sergas, consolidados onte ás 18:00, hai 21.613 casos activos (+320), logo de detectárense 1.468 contaxios.
O ritmo de contaxios segue a ser semellante ao dos últimos días, pero o elevado número de altas (1.119) fai que o balance de casos activos reduza o seu ritmo de crecemento.
Por áreas sanitarias, a repartición dos casos activos é:
• A Coruña: 5.855 (+176)
• Vigo: 3.681 (+1)
• Santiago: 3.271 (-38)
• Ourense: 2.968 (-12)
• Pontevedra: 2.154 (+132)
• Lugo: 1.978 (+24)
• Ferrol: 1.706 (+37)
Baixan os hospitalizados en planta
A presión hospitalaria continúa en valores máximos, aínda que o ritmo de crecemento hoxe é menor respecto ás xornadas anteriores.
Por primeira vez dende o 9 de xaneiro (había 342 persoas en planta), a cifra de ingresadas en planta redúcese. Porén, aumentan as persoas nas Unidades de Coidados Intensivos. Agora hai 1.279 persoas ingresadas nos hospitais galegos: 1.086 en planta (-7) e 193 (+15) nas UCI.
Onte o Sergas notificou 29 falecementos por mor da covid−19 nos últimos días. Así, o número de vítimas aumenta ata as 1.688.
Baixa a positividade
Sobe o número de probas PCR realizadas (12.794, 492 máis ca onte), récord da pandemia. Delas deron positivo 1.121, o cal revela unha positividade do 8,76 %, case dous puntos menos ca onte.