Seguen en prisión os homes acusados de matar un preso do Pereiro de Aguiar
Os dous acusados de matar un preso do Pereiro de Aguiar durante un permiso penitenciario continuarán en prisión. A xuíza que instrúe o caso citounos hoxe, pero acolléronse ao dereito a non declarar. Están a ser investigados por asasinato e por roubo con violencia, por apropiárense, supostamente, dos cartos do falecido.
Por videoconferencia desde o cárcere do Pereiro de Aguiar, onde están ingresados desde a súa detención no pasado mes de decembro, compareceron esta mañá perante a xuíza do número 1 do Carballiño os dous acusados de matar a Fernando Iglesias Espiño durante un permiso penitenciario. Acolléronse ao dereito a non declarar e a xuíza ratificou a prisión comunicada e sen fianza que xa lles impuxera o xulgado de Ourense que iniciou a instrución, por considerar que había indicios suficientes contra eles e que existía risco de fuxida. Tamén valorou o xuíz os seus antecedentes delitivos. Ambos os dous acusados coñeceran a súa presunta vítima no cárcere do Pereiro de Aguiar, onde Iglesias Espiño cumpría condena por asasinar a súa muller e os seus dous fillos no ano 1996, en Gran Canaria.
A Garda Civil bautizou o caso como operación Avaro. As súas investigacións, que mobilizaron unha trintena de persoas, drons e xeorradares, concluíron que os dous detidos acabaron coa vida do seu compañeiro de prisión para facerse cunha herdanza de 26.000 euros. Xa gastaran unha boa parte cando os detiveron. O cadáver estaba enterrado nun monte en Piñor de Cea. Suponse que levaba alí desde agosto, cando incumpriu un permiso penitenciario e se decretou a súa busca e captura.