Seguen en estado crítico tres dos feridos no incendio en Eivisa, que deixou un morto
Seguen en estado crítico tres dos feridos do incendio dun edificio abandonado de Eivisa. Os bombeiros atoparon o cadáver dunha muller entre os cascallos do inmoble que era empregado como vivenda por unhas 80 persoas.
Seguen sen aclararse as causas deste incendio que reduciu practicamente a cascallos os dous andares do edificio.
As primeiras investigacións indican que o inmoble abandonado era empregado como vivenda por unhas 80 persoas, aínda que se descoñece cantas podía haber nel no momento en que se orixinou o lume.
As testemuñas dixeron que se escoitaran varias explosións que se atribúen a bombonas de butano.
Cando se logrou extinguir o incendio, os bombeiros atoparon entre os cascallos do inmoble o cadáver dunha muller.
Hai outras tres persoas, de nacionalidade marroquí, que puideron ser rescatadas pero que sufriron queimaduras graves e permanecen en estado crítico. Dúas delas están ingresadas nun hospital de Eivissa e a outra foi trasladada a Valencia.
Os propios bombeiros aseguraron que era un edificio moi conflitivo porque xa tiveran que acudir a el en varias ocasións para sufocar incendios menores.