CRTVG

Buscar

Seguen as negociacións entre Alcoa e os traballadores para pechar a venda das plantas

Publicado o 21/06/2019 13:12

Segue sen pecharse o acordo de venda das fábricas de Alcoa ao fondo suízo Parter Capital. Despois de horas de reunión da mesa negociadora, os sindicatos e a Xunta din que falta un compromiso firme do Goberno para baixar o prezo da enerxía.

Esta tarde retomaranse as negociacións despois de que onte a reunión da mesa industrial rematase sen o visto e prace dos comités de empresa ao preacordo alcanzado entre Alcoa e o fondo suízo Parter Capital. Os representantes sindicais piden máis flexibilidade, garantías de futuro máis alá dos dous anos e que se cumpra o comprometido por parte do Goberno, por exemplo, o novo estatuto das electrointensivas, que segue sen aprobarse.

Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa A Coruña: "Desconfianza, porque parte do proxecto é unha hipótese, porque o Goberno ten que cumprir unha parte e o novo investidor a outra"
Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria: "Entendemos que, se non hai eses prezos seguros da enerxía, o acordo péchase en falso, habería só unha solución provisional, que garantiría o emprego só para dos anos. Nese contexto é onde o Goberno ten que dar respostas"

Pero desde o Ministerio de Industria din que o preacordo recolle o comprometido e confían en que as negociacións rematen coa súa ratificación.

Raúl Blanco, secretario xeral de Industria en funcións. "A oferta que está enriba da mesa cumpre o comprometido por parte das administracións ao crear a mesa de seguemento, 100% de emprego, solución integral para as dúas plantas. E, por tanto, valorámolo positivamente e agora hai que traballar nas próximas horas e días para que se chegue a unha resolución positiva"

O fondo alemán Quantum anunciaba onte o seu proxecto industrial para as plantas da Coruña e Avilés, pero tanto desde Alcoa coma desde o Goberno reiteraron que a única oferta que se negocia é a de Parter, como alternativa para evitar os despedimentos colectivos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/06/2019